Dosier temas 7 e 8: AICLES, PLC e experiencias educativas internacionais

Bo Aninovo, colegas:

O ano comeza e, lamentable e ironicamente, esta bitácora toca á súa fin. Como xa sabedes, nesta última entrada farei unha recapitulación das actividades que realizamos nos temas 7 (Seccións bilingües e plurilingües. Metodoloxía CLIL/AICLE. Os proxectos lingüísticos de centro) e 8 (As linguas estranxeiras como fenómeno global. Experiencias educativas internacionais) durante as dúas últimas sesións lectivas co profesor Constenla.

Na primeira sesión do tema sete embarcamos no estudo dunha metodoloxía concreta, a AICLES/CLIL, e rematamos cunha introdución ao Plan Lingüístico de Centro (de agora en diante, PLC). Para que todo o mundo tivese unha idea de conxunto sobre o contido desta metodoloxía, comezamos cunha actividade colectiva de creación dunha infografía. Establecéronse cinco grupos dunhas tres ou catro persoas e cada un elaborou cadansúa infografía coa axuda da aplicación/plataforma do seu interese (Genial.ly, Canva, Infogram...). Persoalmente, a que me parece máis sinxela de empregar é Canva, mentres que Genial.ly é máis útil se se quere obter un resultado máis dinámico, xa que inclúe efectos e a posibilidade de inserir numerosas hiperligazóns. Con respecto á temática en si, as infografías cubriron os seguintes temas: o marco europeo para a educación do profesorado CLIL, unha sínteses e conclusións sobre o estudo da aprendizaxe integrada de contidos e linguas no contexto escolar europeo, as 5 dimensións de Marsh, a andamiaxe en CLIL e, por último pero non por iso menos importante, o deseño do currículo integrado CLIL. Xa sabedes que podedes acceder a unha listaxe con tódalas ligazóns no documento partillado do grupo 1. Tamén podedes visualizar á que fixemos Sara, Manuel e máis eu directamente na imaxe. A título persoal, a realización dunha infografía grupal na aula paréceme algo complicada, xa que preciso ler algo de documentación detidamente antes de lanzarme a sintetizala en condicións. En calquera caso, eu tiven sorte, xa que neste caso a temática versaba sobre a vertente teórica do contido da miña presentación, que podedes consultar aquí. Esa foi, de feito, a seguinte actividade: eu expuxen a miña presentación sobre a análise dun centro CLIL de secundaria e, a continuación, María Nogueira Crespo fixo o propio coa súa análise dun PLC, á que podedes acceder aquí. De tódolos xeitos, se a alguén non lle chegou a información contida nas infografías ou nas presentacións, hai moitos datos dispoñibles na rede, basta con consular o documento de Eurydice Aprendizaje Integrado de Contenidos y Lenguas (AICLES) en el contexto escolar europeo ou o European Framework for CLIL Teacher Education, ou calquera dos outros que nos facilitou o profesor Constenla.

Na segunda  e última sesión, comezamos facendo unha posta en común das infografías, antes de lanzarnos de cheo ao tema 8. Este último tratámolo en exclusiva mediante as exposicións das nosas compañeiras/os. Posto que non teño espazo abondo para me espraiar comentando tódalas intervencións, déixovos nas seguintes liñas algunhas observacións sobre temas que me chamaron a atención. Para comezar, Joana Costas Domínguez abordou a aprendizaxe baseada en proxectos, presentación que me resultou moi esclarecedora, posto que nos centramos moito nesa metodoloxía na materia de Deseño curricular ao trataren as metodoloxías activas. Precisamente o carácter aplicado desta metodoloxía fai que aínda non teña clara a súa diferenza coa de aprendizaxe-servizo; non sei se alguén me podería aclarar a diferenza... Outra cuestión que me chamou a atención foi a inclusión das materias de cociña e 'fogar' no sistema educativo finés, tal e como comentou a nosa compañeira Carla Elizabeth Ingeian Carpinteri na súa presentación. Se contrapoñemos esta realidade coa nosa, está claro que aquí non deixa de impartirse de maneira anecdótica. Dito isto, eu creo que o descorrer histórico non foi o axeitado: este tipo de materias, que antes do paso á democracia eran cursadas por mozas, pasaron a desaparecer, en lugar de ampliarse a súa impartición aos mozos tamén. Creo que isto pon de manifesto a falta de valoración social que aínda hoxe segue a ter o traballo doméstico, tradicionalmente feminizado, a pesar de ser imprescindible para que todos nós esteamos 'coidados' e en disposición de incorporarnos ao mercado do traballo remunerado*. Por último, creo que a presentación tan chocante do noso compañeiro Alexandre Vázquez Somoza sobre o sistema educativo de Corea do Sur pon de manifesto a dificultade de establecer parámetros para avaliar a efectividade dun sistema educativo concreto, ao pór o foco no perigo que supón centrarse soamente nos resultados académicos de corte cognitivo, deixando de lado cuestións tan esenciais coma o benestar afectivo-emocional do alumando. A lección que eu tiro deste exemplo é que teriamos que ter en conta esta esfera tamén na aula de linguas. 

Gustaríame rematar esta entrada de dosier facendo unha reflexión sobre a 'actividade' á que máis tempo lle adicamos ao longo deste curso: a elaboración da bitácora en si mesma, coas súas entradas e comentarios. Pareceume un método moi dinámico de cubrir os obxectivos da materia, posto que obriga a repasar o material e ordenar as ideas, ao tempo que permite que cadaquén profunde nas temáticas que máis lle interesen, xa sexa por interese persoal ou profesional. A experiencia foi moi grata e creo que vou aplicar este método a próxima vez que teña un grupiño de estudantes de inglés para poder motivalos a escribir e interactuar entre ela/es nun medio o ciberespazo no que xa se adoitan moven como peixes na auga.

Deica pronto, navegantes! Seguimos en contacto nos comentarios.

Rut Guinarte Mencía

*Se vos interesa afondar na cuestión dos labores de sustentabilidade da vida dende unha perspectiva económica, recoméndovos este libro, froito do traballo de doutoramento da autora e de libre acceso na web: Pérez Orozco, A. (2014). Subversión feminista de la economía. Aportes para un debate sobre el conflicto capital-vida. Traficante de sueños.

Comments