Diario tema 5: As linguas estranxeiras no currículo da FP


Bos días, aprendices de docentes!

Hoxe continuamos a nosa travesía, e desta vez en terreos máis teórico que prácticos. En concreto, vou intentar facilitarvos unha visión de conxunto do papel das linguas estranxeiras na formación profesional. Pero antes de falar de linguas estranxeiras, cómpre facer un par de aclaracións de base. Por unha banda, cando falamos de FP nos estamos a referir a tres tipos de ciclos diferentes: os da FP básica, os ciclos formativos de grao medio e os ciclos formativos de grao superior. Pola outra, no que respecta á distribución competencial, tanto o Goberno de Estado, como o Goberno Autonómico e os Centros docentes teñen distintas atribucións sobre este tipo de formación. Velaquí vos deixo unha pequena infografía que realicei co fin de que as vexades de xeito máis visual:


Xa co foco posto na FP básica, con este tipo de formación se obtén o título de Profesional Básico. A nivel lexislativo estes ciclos réxense pola LOMCE. No tocante á súa estrutura, é modular e a lingua estranxeira (que na formación profesional adoita ser sinónimo de inglés) forma parte de tódolos ciclos destas características, pois está integrada nos módulo de Comunicación e Sociedade I e II, xunto coas materias de Lingua castelá, Lingua galega e Ciencias sociais. No primeiro ano adícaselle 59 horas e, no segundo, 34; redución que probablemente se deba a que nese último curso se introduce o Módulo de Traballo. O obxectivo é que a/o estudante adquira as habilidades lingüísticas necesarias para 'comunicarse de forma oral e escrita en situacións habituais predicibles da vida cotiá e profesional'. É dicir, que se trata dunha aprendizaxe xeral e non orientada a ningún eido específico. O currículo correspóndese co das materias equivalentes da Educación Secundaria Obrigatoria. Por último, aínda que se intenta que o número de docentes que imparten nestes ciclos sexa o menor posible, cabe destacar que teñen que ter un nivel de lingua mínimo de B2. De non ser o caso, asignaráselles un ou unha profesora especializada neste eido.

Pola súa banda, os ciclos formativos de grao medio e superior habilitan para a obtención dos títulos de Técnico e de Técnico/a Superior, respectivamente, e se rixen pola LOE e, nalgúns casos, pola LOXSE. A formación en lingua estranxeiras neste tipo de ciclos é algo diferente. Para comezar, non é obrigatoria en todos eles, senón que só se imparte se é relevante para a formación específica que estea adquirindo o estudantado. No caso da formación media, os ciclos que si o contemplan son os das seguintes familias: administración e xestión, actividades comerciais, hostalaría e turismo, e navegación e pesca do litoral. O obxectivo é que o alumnado poida comunicarse a nivel de usuario básico no seu eido de especialización. Polo que respecta á FP superior, as familias de ciclos que tamén inclúen este tipo de formación en lingua estranxeira son sobre todo, e como é lóxico, as de servizos socioculturais e á comunidade, hostalaría e turismo, marítimo-pesqueira, comercio e márketing e administración e xestión. O nivel de esixencia de lingua varía en función da familia: mentres que se lles pide que sexan usuarios/as 'independentes' en, por exemplo, actividades turísticas ou no ámbito do mantemento naval, esíxeselles un nivel de usuario/a 'competente' nos servizos turísticos de guía e animación ou nas actividades de asistencia á dirección. Naqueles ciclos que si contemplan o ensino do inglés, a dedicación horaria é máis intensa que na FPB: 160 horas no primeiro ano do medio e do superior, e 130 horas anuais no segundo curso do superior. Da mesma maneira, o currículo daqueles que si o impartan dependerá do que se estea a ensinar nese ciclo concreto e, en determinados casos, se así o determina a Consellería de Educación, poderanse impartir algúns módulos directamente na lingua estranxeira.

Por se é do voso interese de cara ao voso futuro profesional, déixovos un listado máis exhaustivo de cales serían os títulos de grao medio que incorporan o ensino do inglés: Técnico/a en xestión administrativaTécnico/a en servizos en restauración, Técnica/o en comercioTécnico/a en operacións subacuáticas e hiperbáricas (poden impartirse módulos en inglés), Técnica/o en navegación e pesca do litoral e o Técnico en mantemento e control de maquinaria de buques e embarcacións. Así mesmo, estes serían os de grao superior: Técnico/a superior en asistencia á dirección, Técnico/a superior en administración e finanzas, Técnico/a superior en secretariadoTécnico/a superior en márketing e publicidade, Técnico/a superior en xestión comercial e márketingTécnico/a superior en transporte e loxísticaTécnica/o superior en axencias de viaxes e xestión de eventos, Técnica/o superior en guía, información e asistencia turísticas, Técnica/a superior en animación turísticaTécnica/o superior en xestión de aloxamentos turísticos, Técnico/a superior en comercio internacionalTécnica/o superior en dirección de cociña, Técnica/o superior en dirección de servizos en restauración, Técnico superior en interpretación de lingua de signosTécnico/a superior en organización do mantemento de maquinaria de buques e embarcacións, Técnica/o superior en transporte marítimo e pesca de altura e, finalmente, Técnico/a superior en animación sociocultural e turística. Podedes clicar nos vínculos para acceder a cadanseu currículo.

Espero que este breve percorrido vos axudase a ter unha idea máis clara de cal é a ensinanza de linguas estranxeiras dentro do marco da formación profesional. Lembrade que as diferenzas entre o FP básico e os ciclos medios e superiores son moi marcadas e que estes últimos orientan o ensino do inglés prevalentemente a fins específicos, polo que haberá unha grande variabilidade nos contidos impartidos e, polo tanto, moito que aprender tamén pola nosa parte, como bos docentes-aprendices que somos!

Rut Guinarte Mencía

Comments

  1. ¡Hola Rut! Me ha encantado la información que recoges en tu entrada, así como la infografía que has creado ya que ayuda de forma clara y visual a saber cuál es el papel de cada institución respecto a la organización de la FP. También me ha parecido muy útil que hayas realizado una búsqueda de los ciclos de grado medio y superior en los que se imparte inglés, sin duda recurriré a ese listado en más de una ocasión.

    Un saludo compañera :D

    ReplyDelete
    Replies
    1. ¡Hola, Joana!

      Muchas gracias por tu comentario. Sí, a veces es más sencillo procesar la información de forma visual, como bien sabes, de ahí la infografía.

      Me alegro también de que el listado te resulte útil; a veces merece la pena pasar un poco de trabajo centralizando este tipo de recursos para que nos sean de más fácil acceso a posteriori.

      Un saludo, compañera, nos vemos por la ciberesfera ;)

      Delete
  2. Ola, Rut! Felicidades pola entrada, paréceme que recolles de xeito moi acertado o papel das linguas estranxeiras no currículo de FP.

    A verdade é que me pareceu moi interesante tratar este tema no curso porque a maioría de nós non coñecemos de primeira man a FP aínda que é posible que rematemos sendo docentes desta modalidade.

    Tamén me gustaría comentar que, aínda que non é tan coñecido, tamén existen oportunidades para realizar movilidade internacional dentro do programa Erasmus + para fomentar a aprendizaxe de linguas estranxeiras a este alumnado. Ademais, recentemente a UE comezou a promover as estancias de longa duración (máis de tres meses) por medio do programa Erasmus Pro.

    Unha aperta.

    ReplyDelete
    Replies
    1. Ola, Alicia!

      Graciñas polo comentario. Levas moita razón, eu botei en falta que nos centrásemos máis na FP no que levamos de mestrado, xa que é un sector que me interesa bastante. Botando a vista atrás, creo que nesta materia é na que máis falamos deste tema, xa que o foco entre Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, FP e EOI estivo máis equilibrado.

      É moi certo o que comentas do Erasmus +. A min sorprendeume descubrir, ao preparar a miña presentación sobre a metodoloxía CLIL, que hai centros da contorna (como o Colexio Vigo ou o Montecastelo) que ofertan a posibilidade de facer estancias de prácticas ou de estudo no estranxeiro para o estudantado de FP. O que descoñecía é o que comentas das estancias de longa duración co programa Erasmus Pro, cousa que me parece estupendo, pois creo que así se equilibran máis as posibilidade de mobilidade na FP coas que xa ten o alumnado universitario.

      Grazas pola achega e unha aperta para ti tamén.

      Delete

Post a Comment