Diario tema 6: As programacións didácticas nas EOI


Que ganiñas de programar, non si...?

Aínda que a confección dunha programación didáctica pode parecer unha tarefa ardua e árida, a realidade é que é unha ferramenta clave para poder desenvolver a nosa práctica docente de maneira estruturada e cuns criterios facilmente accesibles ao estudantado. Non deixa de ser 'o documento que o profesorado, individualmente ou en equipo, elabora para establecer as pautas de actuación da actividade formativa, ou dito doutro xeito, a guía do proceso de ensino-aprendizaxe que permite unha planificación e coherencia ao longo deste' [énfase propio] (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, 2018, p.41). As programacións se elaboran para tódolos sectores educativos que nos ocupan: a ESO, a FP e as ensinanzas de réxime especial (EOI). Por razóns de espazo e interese persoal, cinguireime ao caso das EOI e, para que vos quede máis claro como se estruturan estes documentos e de que fontes beben, irei ilustrando os comentarios con algunha información tirada da programaciónda EOI de Vigo para o idioma inglés deste curso académico(2018-2019). Imos aló!

O primeiro que temos que saber é que o termo 'programación' non é unívoco, senón que, dependendo da fase na que nos atopemos, podemos estar a referirnos á programación didáctica ou á programación de aula. A primeira é un instrumento xeral acordada por todo o departamento con aplicación en cada un dos cursos, mentres que a segunda é a súa concreción nun grupo concreto, pola que a realiza o/a docente que competa. Está a estrutura deste tipo de programacións recollida en algures? Pois si: por unha banda, o Artigo 49 do ROC das EOI establece que estas teñen que ter unha serie de seccións e, pola outra, podemos empregar tamén a Guía curricular para a elaboración das programación didácticas EOI xa que, no seu apartado 5.2. proporciona un modelo de estrutura de programación didáctica. Podedes visualizar os apartados que establece como imprescindibles na infografía, pero se poderían engadir máis. Esta mesma guía, no apartado 6, fornece un modelo para a elaboración de UDIs que poderemos usar á hora de confeccionar a(s) nosa(s) programación(s) de aula. Polo de pronto,
podemos dicir que a programación da EOI de Vigo réxese por esta estrutura, con lixeiras variacións: indica os obxectivos xerais e específicos, a temporalización, os recursos e os criterios de avaliación dentro de cada nivel de lingua, non de forma independente, e une as competencias e contidos sintácticos, léxicos e fonético-fonolóxicos nun único subapartado. Tamén inclúe unha sección de Actividades culturais (que se correspondería coa letra 'i' no Artigo 49º do ROC). Vedes moitas diferenzas entre esta estrutura e a que empregamos na aula, tirada do ROC?

Mais... de onde sacamos os datos que precisamos para a elaboración da programación didáctica? Moi sinxelo, a clave está en ter en conta catro factores de maneira conxunta, como as catro patas dunha mesa. En primeiro lugar, a fonte didáctica que, dalgunha maneira, é o aspecto máis normativo, xa que fai referencia ao que se estipula tanto por parte das instancias gobernamentais como pola normativa do centro. No caso das EOIo marco legal comprende unha serie de normas de distinto rango: a LOMCE e o Real Decreto 1041/2017, do 22 de diciembre, que en Galiza se concretou no recente Decreto 81/2018, do 19 de xullo. Ademais, tamén é de aplicación a Circular 3/2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e, en resposta ao seu apartado 18, creouse a devandita guía para facilitarlle o labor de implementación das novidades lexislativas nas programacións ao corpo docente das EOI. Por último pero non por iso menos importante, teriamos que ter en conta o PEC e outros documentos pertinentes de carácter local. En segundo lugar, estas programacións beben dunha fonte psicolóxica; fonte que ten que ter se cabe máis presente o docente que estea a elaborar a programación de aula, xa que comprende os trazos psicoevolutivos do noso alumnado específico. Neste caso, trátase na súa maioría de estudantado adulto xa maduro psicoloxicamente, posto que o 85% ten entre 20 e 65 anos (EOI Vigo, 2018, p.4), o que non quita que no apartado de atención á diversidade se contemplen diversas casuísticas, como por exemplo que poida haber alumnado con 'discapacidade' psíquica1. A terceira sería a fonte sociolóxica que, como o seu nome indica, fai referencia a contorna na que se atopa o centro, importante fonte de información sobre o tipo de realidades ás que está exposto o noso alumnado. Neste caso, no apartado de 'contexto educativo', fálase brevemente da localización do centro e seccións. A brevidade pode deberse a que o PEC (o do ano 2016 está dispoñible aquí) xa ofrece información moito máis detallada sobre a contextualización. Para rematar, a cuarta sería a fonte epistemolóxicaque é a que ten máis que ver coa nosa materia de estudo, e que se refire a cuestións de carácter nocional ou metodolóxico. Neste caso se concreta no tipo de contidos impartidos, derivados do devandito Decreto 81/2018, do 19 de xullo, e na metodoloxía, que se rexe polos principios do Artigo 8 do Decreto 191/2007 do 20 de setembro, os cales reflicten o exposto no MCERL; é dicir, adopta un enfoque comunicativo que se concreta na realización de tarefas específicas.

En conclusión, unha programación ben feita ten que ter en conta multitude de factores, como a lexislación, a normativa de centro, o tipo de alumnado... para poder fornecer unha educación adaptada ás necesidades concretas do colectivo co que nos imos atopar. Ademais, é importante que estea ben estruturada para asegurarmos de que cobre tódolos puntos que nos permitirán desenvolver o proceso de ensinanza-aprendizaxe de maneira eficiente. Considero que o feito de que as programacións mesmas sexan susceptibles de mellora constante é proba de que o corpo docente que as elabora é consciente da necesidade de revisión constante... polo que é un síntoma de coherencia cos principios que pregoamos nas nosas aulas, principios que cómpre ter aínda máis presente nun sector como o das EOI, no que a ensinanza permanente ocupa un lugar primordial!

Rut Guinarte Mencía

Referencias


Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (2018). Guía curricular para a elaboración das programacións didácticas. EOI. Formato electrónico.

EOI Vigo (2018). Programación didáctica curso 2018-2019. Departamento de inglés. Dispoñible en: <http://www.eoidevigo.org/archivos/ING_Programacion-2018_2019-500.pdf>
Romañach, J., & Lobato, M. (2005). Diversidad funcional, nuevo término para la lucha por la dignidad en la diversidad del ser humano. Foro de vida independiente5, 1-8.

1 Cómpre aclarar que o termo que reclaman dende estes colectivos na actualidade é 'diversidade funcional' (Romañach & Lobato, 2005).


Comments

  1. Ola, Rut!

    En primeiro lugar, gustaríame felicitarche pola túa entrada, creo que recolliches a información máis relevante das programacións didácticas das EOI. Sen dúbida, concordo contigo en que é necesario que estas programacións estean ben estruturadas para a súa comprensión, pero tamén para coñecer como se vai a levar a cabo o proceso de ensino-aprendizaxe, atendendo ás necesidades específicas de cada un dos alumnos/ as. Ademais, si que é necesario que estas programacións actualícense constantemente, sobre todo tendo que conta que cada grupo-aula é diferente.

    Un saúdo!

    ReplyDelete
    Replies
    1. Graciñas pola túa achega, María. Alégrome de que esteamos de acordo na necesidade de revisión das programacións; esperemos poder facelo de xeito axeitado na nosa práctica profesional!

      Saúdiña!

      Delete

Post a Comment